A Xunta lanza o 4º plan de rescate dirixido a autónomos e empresas

O plan conta cunha dotación de 134,4 millóns de euros que quedaron sen executar do 3º plan de rescate, activado pola Xunta cos 234,4 millóns da transferencia estatal que lle correspondeu a Galicia na repartición por comunidades autónomas.

Serán beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que tributen por módulos, que recibirán unha axuda máxima de 3.000 euros; así como o resto de persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas que teñan unha caída do volume de facturación de mais dun 30% no ano 2020 respecto do 2019. Neste último caso as axudas oscilarán entre un mínimo de 4.000 euros e un máximo de 200.000 euros.

O 4º plan deseñouse unha vez máis en colaboración co Diálogo Social e a Mesa do Emprego Autónomo na busca de fórmulas interpretativas que permitan sortear trabas burocráticas, axilizar os trámites e facilitar o acceso ás axudas ao maior número de persoas beneficiarias.